DÍA DAS BIBLIOTECAS




O pasado domingo, 24 de outubro, celebrouse o Día das Bibliotecas, e aproveitamos esta data tan especial para facer a inauguración oficial da nosa biblioteca escolar para o curso 2021/2022. 

Despois de dous anos marcados polas restricións a causa da situación sanitaria, abrir de novo a porta azul da biblioteca, con certa normalidade, convértese en algo simbólico e cheo de esperanza.

Desde 1997, cada 24 de outubro, conmemórase o Día da Biblioteca. A proposta xorde da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, apoiada polo Ministerio de Cultura, para lembrar a destrución da biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico.

A iniciativa naceu para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como instrumento de mellora da información e a convivencia humana.

O cartel, nesta ocasión, é obra da  ilustradora extremeña Mayte Alvarado. E o lema ¨Bibliotecas: ler, aprender, descubrir¨ destaca o papel das bibliotecas como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e o coñecemento, a partir da lectura e do conxunto de recursos que permiten a aprendizaxe e posibilitan o descubrimento doutras ideas, outras persoas, outras culturas e outros mundos.

A biblioteca é para que todos aprendamos e aprendamos de todo. ¨As bibliotecas son aptas para todos os públicos¨.

O venres pasado, todo o alumnado do colexio puido ver nas súas aulas a gravación do equipo de voluntarios de ESO, na que lembraron o uso e funcionamento da nosa biblioteca.

Ademais, os pequenos e pequenas de infantil puideron achegarse á sala para coñocela por vez primeira algúns, e outros para recordar tempos pasados.

A biblioteca ten voz de novo! 

Benvidos e benvidas!

Imaxes deste día








Comentarios

Entradas populares de este blog

O correo de San Valentín 2024

Lecturas para o verán